Licenciado en Ciencias Empresariais pola Universidade de Santiago de Compostela, asistiu a numerosos cursos relacionados coas empresas cooperativas e a economía social. Tamén impartiu numerosos relatorios vinculados coas cooperativas e a economía social.
Dende o ano 1.988 exerce o cargo de Director-Xerente da Unión de Cooperativas AGACA, poñendo en marcha as actividades e os servizos aos socios da entidade.
Ten máis de 35 anos de experiencia en asesoramento, e redacción de estudos de viabilidade no eido cooperativo, en aspectos relacionados coa planificación estratéxica, organizativa e social de cooperativas agrarias. Participou impulsando numerosos proxectos de empresas cooperativas agrarias, dende novas cooperativas como resultado de fusión ou absorción, como de reactivación de empresas mercantís en quebra mediante a activación conxunta de cooperativas que hoxe dispoñen de centenares de persoas traballadoras e con elevadas facturacións. Dispón de amplos coñecementos sectoriais en agricultura, gandería, alimentación e desenvolvemento rural.
Participa habitualmente en debates e coloquios relacionados coa economía agraria e rural, así como coas novas esixencias relacionadas coa sustentabilidade das mesmas. Tamén participa en numerosos proxectos de ámbito europeo, organizados por AGACA ou por outras entidades.
Conta con numerosas colaboracións en estudos e traballos vinculados coas cooperativas, dende o Libro Branco do Cooperativismo en Galicia, ata traballos relacionados coas reformas de lexislación cooperativa. Participa en foros de numerosos organismos públicos (Cogaco, Consello Galego da Economía Social, etc.) e privados (Consello de Directores de Cooperativas Agro-alimentarias de España, Consello Consultivo do Cluster Alimentario de Galicia, etc.).